A finais do 2022 o Goberno formaliza a primeira convocatoria de repotenciación eólica que concede axudas a inversión para renovar parques eólicos, minicentrais e outras instalacións. O MITECO (Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico) con data 24/10/2023 adxudica 185,7 millóns en 169 proxectos sendo beneficiados 34 proxectos eólicos con 147,8 millóns que van quedar nas grandes empresas como Naturgy, Iberdrola, Endesa... O negocio eólico abriu unha nova porta coa repotenciación.
En Europa lévanse repotenciando 200 parques, máis da metade en Alemaña, aquí as multinacionais están empezando coas repotenciacións ao darse conta de que son moi beneficiosas economicamente .O Ministerio ve grandes beneficios na repotenciación, cando se substitúan 1.205 aeroxeradores antigos por 167 muíños novos, como se pretende, non so reducirá a superficie ocupada, redundará nunha maior eficiencia enerxética e aumentará e case duplicará a produción do parque antigos ao renovalo e incluso di que axudará a reducir o impacto paisaxístico. As empresas eléctricas e Goberno curiosamente teñen o o mesmo linguaxe e os mesmos argumentos, falan de antigüidade, redución de custos de operación e mantemento, obsolescencia das turbinas, melloras tecnolóxicas... . No ano 2000 a potencia dos aeroxeradores que se instalaban era de media 0,66 MW e 47 m de alto (de buxa), no ano 2022 a potencia xa alcanzaba 5 MW e a altura 145 m, na actualidade vamos por 6,1 MW e altura pode superar os 160 m.
Os parques eólicos teñen unha vida útil limitada, e a repotenciación é unha modificación e alternativa que se realiza aproximadamente aos 20-25 anos despois de poñerse en marcha un parque eólico, consiste en substituír parcial ou totalmente os vellos aeroxeradores, turbinas e elementos principais por modelos máis actuais, con máis potencia, moito máis altos, robustos e eficientes, asi incrementase a produción, redúcese o número de aeroxedarores e por suposto non din que a empresa eléctrica acaba pagando moito menos a administración polo canon eólico, que un imposto que teñen algunhas autonomías.
Grandes empresas como Naturgy ou Iberdrola tiveron axudas de 12 ou 13 millóns de euros para repotenciar algún parque, so na Galiza recibiron no 2023 da orde de 57 millóns de euros. Vexamos algún exemplo:
Iberdrola no 2023 comunicaba que acometería a repotenciación de dous parques eólicos na Galiza : Muras (Lugo) e Serra da Panda (A Coruña) acolléndose as subvencións do Goberno , 11 millóns para actualización de Muras e 4,4 millóns en Serra da Panda. Reduciría 82 muíños e elevaríase a produción eléctrica en media nun 30%.
• No Parque eólico Muras, sustituiu 74 turbinas de 0,66 MW (49 MW) por 11 turbinas de 4,3 MW . A altura das torres eólicas pasaron de 45 a 84 m e o canon eólico que recaudaba a Xunta que se correspondía co pagamento de 5.900 euros/aeroxerador no parque antigo é agora de 4.100 euros no novo parque, é dicir os galegos na repotenciación perdemos case 400.000 euros/ano que non ingresaría Iberdrola no canon eólico e a empresa aforra case 10 millóns de euros nos 25 anos de vida útil do parque e aparte factura un 30% máis.
Considerando que o custo da renovación alcanzou 39,4 millóns, que contou con subvención, que a sua produción aumentou, e que aforra anualmente o canón eólico, podemos dicir que o a repotenciación (retirada de muiños antigos, desmantelamento e demolición parcial ou total das cimentacións, novo cableado e gabias, novos aeroxeradores..) saíu case gratis por non dicir gratis para a eléctrica. Todo un negocio.
- No Parque Serra da Panda de potencia 18,5 MW, con 24 muiños reducirá en 19 o seu número quedando só con cinco (tiña 22 aeroxeradores de 0,66 MW e 2 de 2MW e terá 5 aeroxeradores: 3 de 4,3 MW e 2 de MW). Por este parque teoricamente pagaba segundo o disposto na lei autonómica do canón eólico da Xunta 5.900x24= 131.600 euros e coa repotenciación pagará 2.300x5=11.500, as arcas públicas só perden 120.100 euros/ano, a empresa Iberdrola aforraría 3 millóns nos 25 anos no canon eólico. Perderiamos todos e perderían máis aqueles veciños con convenio/contrato asinado con pago por número de aeroxeradores e non por potencia.
Iberdrola non é unha excepción, os exemplos noutras empresas como Naturgy, Endesa seguen:
-Naturgy, empresa que xa repotenciara antigamente o parque de Cabo Vilán e quedara con 2 muiños dos 22 que tiña, no 2023 ten axudas para tres parques, conseguiu 12,7 millóns para repotenciar o Parque Monte Redondo e dos 172 aeroxeradores solo quedan 28.
◦ Endesa recibiu 6,2 millóns para cambiar aeroxeradores de Castelo e Coriscada.
Pero ate a propia Xunta, que non criticou as perdas polo canon eólico que ela recada, obtivo subvencións para repotenciación, 500.000 euros para repotenciar o eólico experimental de Sotavento e subvención tamén con 13,4 millóns para o parque Energias Ambientales das Somozas participada por Naturgy, Endesa e a Xunta.
Na repotenciación eólica parece que o Goberno tivo en conta as empresas eléctricas, pero non tivo en conta nin as perdas nos impostos autonómicos recaudatorios (canón eólico de Galicia) nin se parou a mirar os prexuízos que podía traer para os veciños afectados ao diminuír o pago por número de aeroxeradores.
Preguntámonos : Son necesarias as subvencións millonarias pola repotenciación a empresas eléctricas ?. Os parques eólicos repotenciados implican maior alteración paisaxística e ruído, novas liñas eléctricas con servidumes, pistas forestais máis anchas, grandes gabias e grandes cimentacións tanto en lugares apartados como ao pé das vivendas a 500m e por si fora pouco as eléctricas instaladas na Galiza cotizan en Madrid ou Bilbao e o pouco que deixaban economicamente aquí agora aínda diminúe. Coa repotenciación ganan máis as eléctricas grazas a un Goberno xeneroso con elas.