publicidad

"La vanidad es tan anclada en el corazón del hombre que un soldado, un criado, un cocinero, un cargador se jacta y quiere tener sus admiradores." dijo Blaise Pascal, esto fue en el SXVII sin llegar a saber los efectos de la televisión y las redes sociales. 

UN MUNDO DE CONTRADICIÓNS, VERSUS ALTRI

UN MUNDO DE CONTRADICIÓNS, VERSUS ALTRI

Sucédense as mobilizacións na Galiza  en contra da instalacións en Palas (Lugo) da  celulosa de Altri e Greenalia, primeiro protestaron máis de 20.000 persoas en manifestación na propia Palas de Rei, logo 300 embarcacións con centenares de traballadores do mar surcaron a ría de Arousa en protesta. De novo   están anunciadas mobilizacións en Pontevedra e Santiago neste mes. Todos pretenden que a Xunta de marcha atrás  e paralice o proxecto Altri e  que a UE  non subvencione a unha empresa  contaminante.


Vexamos a continuación o que parece dun mundo ao revés:

 

1. Contradicións. A Xunta de Galiza no ano 2015 declarou ao Concello de Palas “municipio de interese turístico”  dada a sua situación estratéxica como paso de peregrinos do camiño francés e primitivo. Tratábase de potenciar o turismo e recoñecíase que o futuro da zona aínda sendo agrícola-gandeira tamén se beneficiaria co sector servizos. Poucos anos despois no 2022 a Xunta declarou, “proxecto industrial estratéxico para Galicia” á industria de celulosa de Altri e  Rueda sinalaba que era unha “iniciativa única en toda Europa” cunha inversión superior a 800 millóns de euros. Apoiada polo Goberno galego a iniciativa  incluso ten a posibilidade de expropiación de terreos para localizarse en Palas. Potenciar  unha industria contaminante no lugar onde antes se apoiaba o sector servizos,  indica que as decisións do Goberno varían e a ordenación do territorio en cada momento na Galiza é flexible, moldeable, cambiable, pero sempre parece estar en función de intereses económicos e de grupo, mesmo con Goberno  da mesma cor. 

 

2. Descarbonización ?. Altri pretende unha subvención da UE de Next Generation por 250 millóns para unha industria que primeiro ia ter un custo de 800 millóns, logo 900 e agora xa anuncian 1.000 millóns. Pero o importante é que como non tiña encaixe en ningún grupo subvencionable da UE, agora camiña e persigue a senda da descarbonización para conseguir axudas de 250 millóns. Claro que Altri no referido a descarbonización no Estudio de Impacto Ambiental que presentou a administración ocultou as súas emisións de gases invernadoiro e agora anuncia que emitirá da orde de 100.000 t/ano de CO2, que posiblemente será máis. Será isto a descarbonización ?.

 

3. Emisións?. Os argumentos oficiais para  xustificar o apagado e desmantelamento de As Pontes e Meirama por contaminación, non serven agora para rexeitar o proxecto Altri. Meirama emitía un total de 66 t/ano en partículas PM10   e  As Pontes 70,6 t/ano (ano 2019), pero agora   Altri proxecta emitir 252,5 t/ano.  Ao mesmo tempo Meirama emitía  980 t /ano de óxidos  de nitróxeno (2020)  e As Pontes 1.790 t/ano, agora Altri  quere emitir 2.180,9 t/ano. Pero a Xunta parece que eso non lle importa e acolle o proxecto como propio cando Altri emitiría a atmosfera máis que calquera das oito grandes celulosas do Estado e pasaría a ser a primeira industria na Galiza por emisións de óxidos de nitróxeno (NOx) e de partículas PM10 e a cuarta en óxidos de  de xofre (SOx) segundo datos doutros complexos no  PRTR ( Rexistro Estatal de Emisións contaminantes) . 

 

4. Vertidos?. Resulta curioso que mentres na UE tratan de aplicar a denominada Directiva sobre nitratos e aquí no Estado  o RD 47/2022  busca a protección das aguas por exceso de nutrientes (nitratos, fósforo...) a celulosa de  Altri-Greenalia pretende  verter 10,5 millóns de metros cúbicos de auga ao ano con  157,5 t de nitróxeno total e case 20 t/ano de fósforo total  e o vertido ten unha demanda química e bioquímica de osixeno superior a  moitas EDAR que tratan a auga dunha poboación comprendida entre 100-300.000 habitantes equivalentes. 

 

O  Ministerio para a Transición Ecológica recoñece que o exceso de nitróxeno e fósforo son moi problemáticos e levan consigo alteracións graves no ecosistema porque acelera o crecemento de fitoplancto que pode ser invasivo, afecta a calidade das augas, facilita o desenvolvemento de cianobacterias que segregan toxinas ao medio, produce turbidez e cambio de coloración da auga, en definitiva provocan  eutrofización ou superabonado  é unha contaminación que mesmo favorece o desenvolvemento de especies invasoras....

 

A maiores  o  vertido de Altri  no rio Ulla  chegaría ao encoro de Portodemouros que ten hoxe unha masa de auga moi alterada hidroloxicamente, situación recoñecida mesmo no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa pola Xunta e mesmo por  Altri no EIA. Esta auga canalizase cara á ría de Arousa e  vaise utilizar como auga potable en núcleos de poboación  antes de que chegue a ría e sexa utilizada para  cultivos, marisqueo e pesca. 

 

Os vertidos de nitróxeno farían que  Altri fose  o terceiro complexo máis contaminante de Galiza, o  segundo en vertidos de fósforo total (19,53 t/ano) e o segundo tamén en Demanda Química de Osixeno ( DQO  1.680 t/ano ou 4,8 t/dia).

 

5. Consumo e aforro de auga?. Sorprende que mentres  nos concellos e administración  se fala  de despilfarro de auga e de eficiencia e aforro, agora un proxecto faraónico despilfarrador bota por terra o que durante anos e anos se conseguiu lentamente a nivel individual ou social. Será unha burla? Consumimos (utilizamos mellor)  na Galiza 130 litros por persoa e dia e cada ano tratamos de baixar o consumo para afrontar mellor os problemas de seca e cambio climático, pero agora  unha só industria Altri pretende utilizar  347.200  litros por segundo (1,25 millóns de litros por hora e 10.500 millóns de l/ano), é dicir  vai utilizar tanta auga nun segundo como a que utilizan nun dia varios miles de persoas. Altri  vai utilizar a cuarta parte da auga que se consume na actualidade en todas as industrias galegas. Engañosamente Altri di que a auga á saída do seu vertido non contamina, pero senón contamina preguntámonos  para que vai coller cada ano 10,5 millóns de metros cúbicos do Ulla si  pode reusala ou reciclar a utilizada  para funcionar en circuíto pechado.  

 

6. Permisos?.  A Directiva sobre Emisións Industriais, DEI, é o principal instrumento da UE que regula as emisións contaminantes das instalacións industriais de maneira que 52.000 instalacións que realizan actividades industriais deben funcionar con arrego a un permiso  e a un enfoque integrado que teña en conta as emisións ao aire, auga, solo, xeración de residuos, uso de materias primas, eficiencia enerxética, ruído prevención de accidentes... Os permisos   teñen condicións, incluídos  valores limite de emisión baseados nas MTD, Mellores Técnicas Dispoñibles... Pero Altri non cumpre en moitos apartados coas MTD como sucede  na auga e vertidos de nitróxeno e fósforo total; ou na atmosfera no caso de emisións totais de partículas, óxidos de xofre e  óxidos de nitróxeno.  A Directiva DEI é clara, e  Altri tiña que cumprir pero suspende en  emisións e vertidos totais,  reutilización da auga,  enerxía,  materias primas ...

 

7. Natureza?. Aparte de pretender ocupar Altri un territorio hoxe a carón da Serra do Careón (protexido por Natura 2000), a industria ocuparía terreo destinado dende hai anos a  ampliación da Rede Natura 2000 que frea a Xunta sistemáticamente. A maiores  o Río Ulla  estivo durante varios anos ( do 2010 ao 2016)  dentro do Proxecto Life Margal Ulla,  proxecto cofinanciado con fondos europeos  para protexer a calidade das augas da conca do Ulla, controlar os focos de contaminación e protexer especialmente a dous habitantes do rio realmente descoñecidos: a toupa de rio ou desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), endemismo ibérico e a náiade ou mexillón de rio (Margaritifera margaritifera).  No proxecto  estaban implicados  a Consellería de Medio Rural, Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e , Universidade de Santiago. Preguntámonos para que tanto esforzo e recursos gastados no público si agora unha industria privada quere botar por terra todo o conseguido ? A que debemos este cambio ?

 

Por último comentar  que por riba  de Altri está  a Directiva 2010/75/UE do Parlamento e do Consello europeo sobre emisións industriais que  di claramente no seu Artigo 11: “ Los Estados miembros tomarán las medidas necesarias para que la explotación de las instalaciones se efectúe de acuerdo con los siguientes principios: a) se toman todas las medidas adecuadas de prevención de la contaminación;b) se aplican las mejores técnicas disponibles;c) no se produce ninguna contaminación importante, d)...”   

 

Neste caso o “ Estado miembro” estará a altura das circunstancias?


INFORMACION SOBRE LA PROTECCIÓN DE TUS DATOS


Responsable: S.E.I. EDETRONIK. S.A

Finalidad: Envío de información solicitada, gestión de suscripción a la web y moderación de los comentarios.

Datos tratados: Comentarios: Datos identificativos (en el caso que te registres en la web) y comentarios.

Legitimación: Consentimiento del interesado.

Destinatarios: Utilizamos MDirector como plataforma profesional de envío de mails. Nos permite ofrecerte un servicio libre de SPAM y con total confidencialidad. Ellos únicamente almacenarán tu correo para poder realizar el envío.

Derechos: Puedes acceder, rectificar y suprimir los datos, así como otros derechos que detallamos en el siguiente link

Información adicional En este link dispones de información adicional y detallada sobre la protección de datos personales que aplicamos en nuestra web.

CERRAR