publicidad

"Los diputados del pueblo no son, pues, ni pueden ser, sus representantes; no son sino sus comisarios; y no pueden resolver definitivamente nada. Toda ley que el pueblo en persona no ratifique es nula; no es una ley" "El contrato social" Jean-Jacques Rousseau

 

Altri: Celulosa dos 70 para instalar hoxe na Galiza

Altri: Celulosa dos 70 para instalar hoxe na Galiza

As propostas industriais na Galiza veñen da man de empresas como a portuguesa Altri, que pretende instalar unha celulosa, incluso máis contaminante que a de Ence asentada na ría de Pontevedra. Sorprende, porque mentres noutras partes do Estado se instalan fábricas de baterías de coche eléctrico, proxéctanse fábricas de chips, de hidróxeno verde, metanol... aquí queren traernos  unha industria máis propia do século pasado que do actual, vexamos:


O Diario Oficial de Galicia (DOG 5/3/2024) anunciou un proxecto promovido pola multinacional Altri para  instalarse no centro de Galiza, en Palas de Rei, unha fábrica para  producir 400.000 t/ano de celulosa e 200.000 t de lyocell -tecido fabricado a partir da celulosa-. Nunha primeira fase produciría 250.000 t de celulosa e 60.000 t de lyocell. Para esta Fase I  necesitaría 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto –case 2 millóns de t para 400.000 t/ano-, o que significa que consumiría  da orde do 20% do eucalipto que se corta na actualidade en toda Galiza (primeiro produtor de madeira do Estado)  e intensificaría as repoboacións con eucaliptos nas proximidades na comarca da Ulloa, que hoxe é  agrícola-gandeira  e que ten abundantes pastos e  bosques  de autóctonas.

 

Son de destacar no proxecto:

 

*O moi alto consumo de auga. Necesita a celulosa para o seu funcionamento diario a captación de 46.000 m3/dia (16,1 millóns metros cúbicos/ano) do embalse de Portodemouros no río Ulla, e trasladaríase  por unha tubaria subterránea de 12,5  km que atravesaría  por  centenares de fincas  de tres concellos: Agolada, Santiso e Palas -quedando as fincas con servidumes-, e así levarían a auga até a factoría de Altri .  

 

* Os vertidos de auga residual,  segundo o DOG,  alcanzan a 30.000 m3/dia ou 10,5 millóns  m3/ano, que se verterían ao río Ulla, este desemboca na ría de Arousa rica en peixe e marisco natural e cultivado. A auga residual levaría materia orgánica, sulfatos, nitratos, metais e substancias tóxicas que  afectarían  á flora e fauna acuática e recursos vivos.

 

* A  celulosa  precisaría  9,37 km de  liña eléctrica subterránea  e dúas liñas aéreas de media-alta tensión con 13 km de lonxitude que pasaría polos concellos de Agolada, Santiso e Melide. Liñas eléctricas con novas e permanentes servidumes e que precisarían de expropiacións de terras para as torres ou apoios.  

 

* A fábrica de celulosa e lyocell ocuparía unha superficie de 2,5 millóns de metros cadrados de terreo e afectaría a preto de 300 fincas, algunhas de dimensións considerables pouco frecuentes na Galiza.

 

* Non figuran no DOG as emisións a atmosfera de Altri pero segundo o estudo de impacto ambiental, a empresa superará en emisións á celulosa Ence de Pontevedra, dobraraa  e case triplicará as emisións de óxidos de xofre e nitróxeno (recoñecen que emitiran 577,58 t de compostos de xofre e 2.180,90 t de óxidos de nitróxeno), e as emisións de partículas chegarán a 252,50 t , sendo tamén superiores ás de Ence. En compostos de gases invernadoiro non ofrece datos pero posiblemente  estará por riba das 100.000 toneladas/ano e aparte presentará 5 focos de cheiro ao ambiente.

 

* A inversión que menciona Altri é de 900 millóns de euros e deles esperan obter 250 millóns de fondos europeos “Next Generatión “. A empresa falaba de varios miles de postos de traballo pero foron rebaixándoos co paso do tempo e a críticas por falsear datos que recibiron, en realidade non  serian superiores aos de Ence que non chega e está lonxe dos 500 directos.

 

Galiza, sempre punto de mira das celulosas.

 

Nos 70 e principios dos 80 do século pasado as celulosas tamén buscaban instalarse na Galiza, empresas de capital vasco, catalán...ou de multinacionais alemás (Feldmühe co proxecto Eurogalicia Forestal) ou finlandesas (Tampella Oy con Papelga) entre outras pretendían localización  aquí, non importaba moito o lugar exacto: Negreira, Ourense, Ponteceso, Narón, Monforte, Quiroga, Dodro, Fazouro, O Barco de Valdeorras... figuraban na febre das celulosas. Dábase a circunstancia de que a política franquista ía coincidir cos proxectos da transición e cos intereses do Mercado Común deficitario en celulosa. O “progreso” e a “modernidade” utilizábanse polas empresas, facéndonos crer falsamente que todo investimento económico era bó.  Escondían que pretendían madeira, auga e electricidade baratas que nós tiñamos en abundancia,  xunto con mao de obra e unha  moi pouca sensibilidade  pola contaminación que traerían. Ao mesmo tempo noutros lugares distantes de Galiza  instalaban  fabricas transformadoras menos contaminantes e de gran valor engadido de  papel, cartón , mobles (País Vasco, Valencia...) .

 

Paralizáronse e deron lugar a  mobilización e manifestacións como sucedeu no 1976 en Ourense, O Barco de Valdeorras, Laxe, Cabanas, Coristanco, Malpica, Quiroga, Ponteareas, Negreira... Organizacións como Adega, que agora cumpren 50 anos de existencia, expoñían, informaban, debatían, mobilizaban, e multiplicábanse na defensa ecolóxica, un  movemento de defensa do territorio imparable estaba en marcha. Pero para entender a oposición que xurde fronte as celulosas convén lembrar o caso seguinte:   

 

Ence, exemplo de industria contaminante.

 

A celulosa Ence, está entre as 10 primeiras industrias contaminantes de Galiza (segundo o Rexistro de emisións e vertidos contaminantes,PRTR), a súa relación co poder (ex membros da Xunta e do Goberno  estiveron no Consello da empresa), e a identificación total da Xunta  e do Goberno do PP coa empresa Ence,  frearon a saída da industria da ría de Pontevedra, axudados fundamentalmente pola sentencia do Tribunal Supremo, en contra da decisión da Audiencia Nacional.

 

Si falamos de alta contaminación nunha zona moi poboada  vemos o exemplo de  Ence,  no 2020 as emisións  chegaban a 86.000 toneladas (t) de dióxido de carbono, principal gas de efecto invernadoiro; emitía gases acidificantes (842 t de óxidos de nitróxeno, 165 t de compostos de xofre); 195 t de partículas; 2,9 t de sulfhídrico, metais... O consumo de auga  superaba os 13 millóns de metros cúbicos, similar ao  consumo de  Pontevedra, Santiago e Lugo xuntas. A carga contaminante dos vertidos a ría e alta en sólidos en suspensión , nitróxeno total (49 t no 2022), fósforo total (5,6 t),  metais pesados (zinc, cobre, mercurio…), residuos perigosos (113 t .

 

Xa en maio do 1978, a contaminación por gases e pó tóxico foi denunciada por 45 médicos pontevedreses que afirmaban  que se daba un crecemento progresivo das causas de defuncións a partir dos anos 60 debidas á procesos de tipo respiratorio - “bronquite respiratoria, asma doenzas relacionadas con alérxenos”-  e alertaban do consumo de produtos con mercurio.

 

Proba de que a industria era “visiblemente contaminante” é que  seis dos nove directivos de Ence no 2002 foron condenados pola  Audiencia Provincial de Pontevedra  por un delito ecolóxico continuado (1984-1997) de incumprimento sistemático da lexislación vixente sobre vertidos e emisións a atmosfera.

 

Ence ademais é a industria que máis inflúe no territorio galego, o consumo de eucalipto alcanza 1,3 millóns de metros cúbicos. A capacidade de produción de pasta de celulosa de Ence é 515.000 t, no ano 2021 a produción foi de 431.257 t .

 

Con este exemplo de Ence como industria contaminante, como se atreve Altri a propoñernos unha nova industria de enclave subvencionada por Europa e apoiada pola Xunta. Unha celulosa similar a dos anos  70 do século pasado e aínda máis contaminante  que Ence . Non son as industrias que precisamos.


INFORMACION SOBRE LA PROTECCIÓN DE TUS DATOS


Responsable: S.E.I. EDETRONIK. S.A

Finalidad: Envío de información solicitada, gestión de suscripción a la web y moderación de los comentarios.

Datos tratados: Comentarios: Datos identificativos (en el caso que te registres en la web) y comentarios.

Legitimación: Consentimiento del interesado.

Destinatarios: Utilizamos MDirector como plataforma profesional de envío de mails. Nos permite ofrecerte un servicio libre de SPAM y con total confidencialidad. Ellos únicamente almacenarán tu correo para poder realizar el envío.

Derechos: Puedes acceder, rectificar y suprimir los datos, así como otros derechos que detallamos en el siguiente link

Información adicional En este link dispones de información adicional y detallada sobre la protección de datos personales que aplicamos en nuestra web.

CERRAR