Publicado el 11 de noviembre a las 14:43
Unha operación anticorrupción e investigación autónoma do Tribunal Supremo de Portugal (STJ) centrada en proxectos da minería do litio e do hidróxeno verde trouxo a dimisión do primeiro ministro portugués por considerarse no centro da diana onde se manexan acusacións “de prevaricación, corrupción activa e pasiva de titular de cargo público e tráfico de influencias”. Antonio Costa dimitiu afirmando que “ a dignidade das funcións do primeiro ministro non son compatibles con calquera sospeita sobre a sua integridade, a sua boa conduta e máis aínda coa sospeita de calquera acto criminal”. A investigación apunta e quere demostrar que se favoreceu intencionadamente a multinacional Savannah dende a administración portuguesa.
Savannah Resources
Portugal ten as maiores reservas de litio de Europa e a oitava maior do mundo, reservas estimadas -non reais- de 28 millóns de toneladas co 1,05% de litio e aparte ten potencial de recursos minerais adicionais. A multinacional Savannah pretendía producir cerca de 25.000 toneladas de hidróxido de litio para fabricar baterías para 500.000 vehículos eléctricos/ano. O proxecto Litio Barroso, a ceo aberto, da empresa Savannah Resources en Covas do Barroso (norte de Portugal, próximo a Galiza) nunha zona considerada Patrimonio Agrícola Mundial (FAO) cubre un área de 8,36 quilómetros cadrados nos outeiros de Barroso e consta de cinco depósitos minerais. No proxecto tamén figura que parte da electricidade que necesita procede do Estado Español, concretamente de Galiza, o que non debe estrañar xa que exportamos máis da terceira parte da electricidade que xeramos e o seu destino é Portugal e zonas deficitarias do Estado como Madrid, País Vasco...
A compañía mineira cotiza e está reguladas no Mercado de Inversións Alternativa (AIM) da Bolsa de valores de Londres (con accións ordinarias na bolsa de Frankfurt e Stuttgart), presentou no 2020 por primeira vez á Axencia Portuguesa do Ambiente (APA) o estudo de impacto ambiental para exposición pública (abril-xullo 2021), pero non foi moi satisfactorio para a empresa. Un ano despois Savannah anunciou que rediseñaría e revisaría no proxecto certos aspectos físicos e as consideracións ambientais, ecolóxicas e socioeconómicas asociadas para volver presentalo en marzo do 2023. Despois dunha nova exposición publica (marzo-abril) a Axencia do Goberno, APA, o 31 de maio emite unha Declaración de Impacto ambiental positiva para o Proxecto de Litio Barroso, e só ten que esperar a Licencia Ambiental no 2024.
Aínda que a Avaliación de Impacto Ambiental foi favorable a poboación da zona seguiu opoñéndose ao proxecto porque é contaminante, consume gran cantidade de enerxía, auga e produtos químicos. Afirman que o seu emprazamento traerá ruído ( a empresa comprometíase a non traballar de noite) e destrúe o medio ambiente ( bosques, cursos de auga, solo... ), en definitiva que cambia a vida das poboacións, por estes motivos sucedéronse protestas e manifestacións e ameazaron con acudir aos tribunais para paralizala. A poboación non se deixou influír nin pola multinacional nin pola necesidade da Comisión Europea que estima que a UE necesitará 18 veces máis litio en 2030 do que consumiu en 2020, e 60 veces máis para 2050.
Similitudes ao caso portugués,pero sin dimisións nin investigacións.
A dimisión do primeiro ministro portugués lémbranos algúns sucesos na Galiza parecidos, pero sin consecuencias políticas e dimisións como sucede agora en Portugal , vexamos só algún exemplo.
1. A administración oculta información básica.
No 2012 un veciño afectado pola minería da canadense Edgewater , solicita acceso a documentación relativa a explotación de ouro nunha mina a ceo aberto de Corcoesto-Bergantiños (A Coruña) e Enerxía e Minas da Consellería de Economía da Xunta, nega cinco meses despois a documentación. No ano 2013 o Goberno Galego da carpetazo ao proxecto da Canadense, tendo lugar antes mobilizacións e protestas de veciños, grupos ecoloxistas e oposición, que denuncian irregularidades, arbitrariedades na tramitación e por suposto a degradación ambiental e contaminación que traerá. A multinacional non esperaba o sucedido e ao ter que retirarse acabou facendo acusacións públicas a administración de corrupción, subornos, “mordidas” e trabas diversas. sin que existira investigación, intervención dos Tribunais, nin implicados políticos ou dimisións.
Con relación a petición de documentación do 2012, cinco anos despois o TSXG sentencia que as razóns dadas pola Xunta para denegar e ocultar a documentación solicitada “son totalmente insuficientes e inaceptables” e engade que foi “un mero subterfuxio” para evitar responder as demanda dun afectado.
2. Política que favorece as multinacionais .
Galiza iniciou unha proposta de ampliación da Rede Natura 2000 en decembro do 2011, pois a lista de Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) que tiña xa, foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que se requiría completar unha nova lista aténdose a Directiva 92/43/CEE relativa a conservación de hábitats naturais e da flora e fauna silvestre. A nova proposta da Xunta realizou por obrigación a información pública pero nunca chegou a Bruxelas. De maneira que hoxe temos protexido o 11,9% do territorio en Natura 2000 (case igual que fai 13 anos) cando a media do Estado está en 27,3% e mesmo Cataluña ten en Natura o 32% do territorio e Madrid 15%, quedando Galiza ao final da lista de comunidades autónomas. Podemos preguntarnos : Que estaría detrás?.
Como en zonas protexidas de Rede Natura non se poden instalar industrias nin parques eólicos, si aumentase a superficie protexida ao ampliar a Rede, a maioría dos parques novos non se poderían instalar, montes da Serra do Suído, Serra da Groba, Montes Invernadoiro, Serra do Cando, Serra do Xistral, Fragas do Eume... ao ser novos LIC ou ampliarse a superficie de protección non podían albergar os aeroxeradores eólicos. As multinacionais da electricidade foron as ganadoras..
Podiamos poñer outros exemplos onde a sentencia do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) retira a razón a Xunta e critica permisos e adxudicacións ate o extremo que o Tribunal declara algúns parques eólicos ilegais. O curioso e sorprendente é que estes parques declarados ilegais están e seguen activos e producindo beneficios as eléctricas. Igual sucede coa indebida e ilegal fragmentación dos parques eólicos permitida pola Xunta cando comparten liñas eléctricas, conexións e infraestrutura de evacuación, dado que segundo a Lei e sentencia do TSXG, tiñan que ser parques independentes e autónomos cada un coa sua infraestrutura. O colmo xa é que a Xunta acorte prazos na exposición pública de proxectos (15 días en vez de 30 da normativa europea) tanto no referido ao procedemento de autorización administrativa, como a construción, avaliación ambiental e proxectos sectoriais, e que tivo que cuestionalo e rechazalo o TSXG. Non existen responsables na administración? Non fai falta investigación ? Non serven as sentencias do TSXG? Quen dimite aquí?
Despois do de Portugal, concluímos que a minería está acostumada a traballar como en “terreo conquistado “ e que a democracia e os políticos non son iguais en todos os lugares.