Publicado el 28 de octubre a las 9:05
En novembro do 2020 a Comisión da UE presentou a Estratexia da UE sobre as Enerxías Renovables Mariñas, e dispuxo que no futuro se pase de producir 12 GW (millóns de Kw) de eólica mariña que se xeraba ese ano a como mínimo 60 GW no 2030 e 300 GW para 2050, complementándose con outros 40 GW de enerxía oceánica e tecnoloxías emerxentes. Un Informe recente de setembro do 2023 do Tribunal de Contas da UE titulado Enerxía Renovable Mariña na UE, recoñece que a Comisión ao ampliar tanto a potencia non estimou ben o impacto medioambiental deste aumento e chegou a ignorar e minusvalorar aspectos fundamentais que afectan a recursos vivos como a pesca e ao medio natural en xeral.
Mentres Alemaña e os Países Baixos puxeron en marcha as súas propias políticas e xa aplicaban unha ordenación do espazo marítimo moito antes da estratexia e proxectos da UE, en España non sucedeu o mesmo, apremados polo tempo recorreron a Directiva marco europea para ordenar o espazo marítimo e asi nun Plan (POEM, Plans de Ordenación do Espazo Marítimo) , aprobado en febreiro do 2023, case dous anos despois da data limite, designaron o mapa da enerxía mariña con zonas de reserva e potenciais para a enerxía renovable. Determinaron 19 polígonos para parques flotantes e reservaron 5.000 km2 do medio mariño e deles fronte a Galiza e Asturias 2.688,6 km2, máis da metade da superficie total e un só parque localizado na Coruña-Cabo Ortegal ocuparía preto do 40% de toda a superficie asignada.
No Informe citado do Tribunal de Contas recoñecen que a Comisión EU e as autoridades definen en primeiro lugar as zonas de enerxía eólica mariña en termos espaciais e temporais, identificadas con criterios técnicos como por exemplo a velocidade do vento, polo que evidencia que esquecen algo tan importante como a pesca (recurso económico, alimentario, social, ambiental, emprego,...), sector que non entrou como prioritario. Desde o primeiro momento o sector pesqueiro de Galiza xa se manifestou pola retirada do proxecto e mesmo presentou ante o Tribunal Supremo a anulación do Decreto do Goberno que o xerou, ao considerar que os parques afectaban a perto de un centenar de caladoiros de pesca e prexudicaba a flota con artes de palangre, enmalle, arrastre...
O Informe do Tribunal de Contas recoñece
1. Existe o risco de que se perdan postos de traballo no sector pesqueiro polo crecemento do sector da enerxía renovable mariña, mesmo os buques pesqueiros só están autorizados a entrar ás proximidades do parque en determinadas condicións, en zonas considerada tampón de 500 metros arredor das instalación de eólica. O Tribunal da UE considera que a Comisión non ten valoracións cuantitativas dos principais efectos económicos na pesca derivados da evolución da enerxía renovable mariña.
2. Segundo o Informe a Comisión tampouco ten estudado os posibles efectos que implica ocupar o 3% do espazo marítimo europeo, nin a influencia e impactos nas zonas próximas, non coñece ate onde chega nas inmediacións o radio de acción e efectos acumulativos, mesmo recoñece que a maioría dos estudos existentes baséanse en instalacións do mar do Norte.
Apuntan posibles efectos negativos na biodiversidade e nos ecosistemas en xeral como:
a) perdas ou degradación de hábitats;
b) a posible colisión cos aeroxeradores ou cos buques de mantemento;
c) cambios na calidade da auga, debidos a liberación de contaminantes;
d) cambios nos patróns de migracións debidos cambios no campo electromagnético;
e) efectos do desprazamento dos peixes e seres mariños debidos ao ruído submarino e as estruturas dos parques eólicos;
f) posibles efectos acumulativos na conca marítima que poden dar lugar a desprazamento de especies, cambios na estrutura das poboacións, na dispoñibilidade de alimento ou en patróns de migración.
No suposto de que existiran posibles efectos positivos tampouco están estudados (exemplo: efecto arrecife que beneficiaría a determinados peixes, mexillóns...; recuperación de hábitats por exclusión da actividade humana;...).
O Informe constata claramente que a Comisión da UE non estimou o impacto e pegada medioambiental sobre a vida mariña que pode desprenderse da sua estratexia ampliando a potencia da eólica mariña . Impactos, que considera poden ser significativos, e que non foron suficientemente valorados ou tidos en conta pola Comisión e os Estados membros.
Concluímos que ignorar ou minusvalorar o impacto da eólica mariña na pesca e no ambiente non deixa de ser unha irresponsabilidade inxustificable, denunciada agora desde dentro da UE e polo tanto require que se afronte con determinación e solucións. Nada impide aprazamentos temporais para estudar ben o tema, moratorias e mesmo afastamento dos parques das zonas de pesca e ir mar dentro para buscar lugares idóneos e que non prexudiquen. A presa téñena as multinacionais da electricidade que xa presentaron proxectos de eólica flotante na Galiza que superan os 6 GW de potencia (6000 MW) e duplican o obxectivo máximo de potencia previsto polo Goberno para toda España (O POEM pretende de 1 a 3 GW para 2030) .
A Eólica terrestre e Galiza.
Convén lembrar que Galiza na eólica terrestre, ano 2022, ten xa un papel moi importante con insignificantes beneficios económicos:
a) A enerxía eléctrica producida na Galiza supón o 8,1% do total do Estado (segundo REE 23 marzo 2023), e a sua potencia instalada representa o 9,2% do total. É a terceira comunidade con maior cota de produción renovable representando o 64,8% do total do “mix”, xera o 43,4% do total galego con 9.720 Gwh en 183 parques que teñen unha potencia de 3.907 MW (13% do Estado).
c) No Balance eléctrico de Galiza temos no 2022 unha xeración eléctrica de 22,4 millóns de Mwh e unha demanda de 13,7 millóns, o saldo exportador é de 8,1 millóns de Mwh o que quere dicir que máis da terceira parte da electricidade non foi consumida, nin pode utilizarse no país, polo que sae electricidade con grandes beneficios para as multinacionais con destino ao mercado de Madrid, Pais Vasco, Portugal, Franza...
d) Pretenden duplicar a produción actual de electricidade con novos parques eólicos terrestres, o Goberno central e a Xunta teñen autorizado na Galiza 3.381 MW, pendentes de posta en marcha.