Xa en setembro do 2021 a OMS, Organización Mundial da Saúde, afirmaba que a contaminación do aire é unha das maiores ameazas medioambientais para a saúde humana, xunto co cambio climático. No ano 2023 seguimos a ignorar as Directrices da OMS sobre as partículas finas contaminantes PM2,5 , cuxos valores recomendados son moito máis baixos que os da Lexislación Europea.
Dende medios políticos conténtanse con afirmar que sobre contaminación cumpren coa da Lexislación vixente cando en realidade esa lexislación cuadriplica ás da OMS. Sorprende que dende o Ministerio de Sanidade se adapten e conformen cunha moi laxa lexislación vixente de PM2,5 que trae serias consecuencias na saúde como morbilidade e mortalidade prematura, custos sanitarios que pagamos todos os cidadáns, aparte de problemas sociais e ambientais. As Directrices da ONU (OMS) non son xuridicamente vinculantes, son unha ferramenta baseada na evidencia e recomendan como nivel anual de calidade do aire para PM2,5 valores de 5 microgramos por metro cúbico (ug/m3) e para períodos de 24 horas recomenda 15 ug/m3, mentres a Lexislación vixente española contempla valores medios anuais de 25 ug/m3 ( outros países europeos teñen 20 ug/m3 na Fase II dende 2020) .
Contaminación global e puntual de partículas
Canadá rexistrou dende maio do 2023 a xuño unha ola de grandes incendios, o fume quente destes incendios inxectados a altura na atmosfera chegou a atmosfera de Estados Unidos (lembremos a calima de Nova York) e agora despois de cruzar o Atlántico através dunha corrente de chorro que se despraza de oeste a este a gran velocidade (100-250 km/h ou mesmo pode superar 400 Km/h), afectou a Noruega a principios de xuño e a Galiza días pasados entrando ao interior da Península despois dun recorrido de máis de 5.000 Km. Os incendios que obrigaron a abandonar os fogares a miles de persoas e arrasaron millóns de hectáreas (entre 4 e 7,5 millóns carbonizadas segundo as diversas fontes) provocan visibilidade reducida, calidade do aire inferior a situacións consideradas normais e achegan situacións de alarma para poboación sensible si a situacións meteorolóxicas inflúen para traer a contaminación dende certa altura a baixa atmosfera, onde a respiramos. A contaminación global , aguda e puntual de partículas tamén se manifesta noutras ocasión por exemplo :
1. En xaneiro do 2020 o fume provocado polos grandes incendios rexistrados en Australia alcanzou alturas de cinco-seis km e dende alí transportouse a máis de 10.000 kms en poucos días, chegando a zonas do centro de Arxentina, Uruguai ou Chile. O fume pode impactar na saúde dos grupos máis sensibles como nenas/os, embarazadas e persoas de idade, e afectar en xeral a poboación adulta con enfermidades respiratorias e cardíacas. Segundo a Organización Meteorolóxica Mundial ese fume podería dar a volta ao globo terraqueo.
2. En febreiro do 2021 as intrusións de pó africano do deserto do Sáhara chegaron como calima e néboa amarela e finas partículas e microorganismos a Andorra, Francia e Suíza. En marzo de 2022 ou febreiro do 2023 o pó do Sáhara trouxo a calima e partículas PM2,5 a Península Ibérica, fenómeno que non é estraño senón que se sucede varias veces no ano. A concentración no aire de partículas grandes, PM10, e mesmo finas, PM2,5, fai que a concentración e contaminación se dispare e alcance niveis anormalmente elevados e pode que perigosos pero só dura uns días. Pode provocar irritación na pel e ollos, conxuntivite, asma e outras afeccións pulmonares. Son moi sensibles a contaminación os bebés, as persoas con alerxias, e as persoas con insuficiencia cardíaca ou patoloxías respiratorias como asma ou EPOC.
A OMS afirma que as Partículas PM2,5 son de especial relevancia para a saúde pública, pois poden penetrar profundamente nos pulmóns e entrar no torrente circulatorio sanguíneo afectando ao sistema cardiovascular e respiratorio asi como outros órganos. As fontes de partículas están en diferentes sectores, como transporte, industria, enerxía, agricultura, calefacción de vivendas, canteiras, incineración de residuos, queima de biomasa.. xa no 2013 a contaminación do aire exterior e as partículas en suspensión foron clasificados como carcinóxenas polo Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC) da OMS.
Contaminación local , crónica e puntualmente aguda.
Que a contaminación pode ser local, crónica e por veces aguda evidenciase si miramos os valores que dan as estacións meteorolóxicas e de contaminación. Centrándonos unicamente nas Partículas finas, PM 2,5, que son un dos contaminantes máis importantes en términos de perniciosidade para a saúde humana aparte repercuten tamén no medio ambiente – crecemento vexetal, fauna...- e no clima – visibilidade, temperatura...- . Vexamos datos recentes:
O dia 29 de xuño 2023, o Ministerio para a Transición Ecológica anunciaba unha intrusión de masas de aire africano sobre España con elevación concentracións de pó en superficie. Segundo a European Environment Agency (Indice Europeo de la Calidad del Aire) en Ciudad Real, Toledo e Madrid dábanse valores elevados de partículas PM2,5 , no sur de Madrid (Villarejo) oscilaban as concentracións de PM2,5 de 26 a 37,2 ug/m3; en Valdemoro na maioría das horas estaban con 24 a 26,8 ug/m3; noutros lugares como Coslada tiñan algunhas horas 20 a 23 ug/m3; en Algete de 24 a 27 ug/m3. A OMS establecía no 2021 que 15 ug/m3 era o máximo permitido en 24 horas.
No ano 2019 de 19 cidades españolas estudadaspor contaminación de partículas tan so sete cumprían cos estándares de calidade do aire recomendados pola OMS. Cidades como Barcelona, Valencia, Sevilla, Albacete, Toledo, Valladolid, Bilbao Huesca, Madrid, Oviedo, Palma de Mallorca e San Sebastián superaban o limite establecido pola OMS en relación a concentración de partículas PM2,5 , pero naquel momento o limite establecido pola OMS era de 10 microgramos/m3 cando na actualidade despois da revisión do 2021 estableceron 5 microgramos/m3. Cantas cidades superaran hoxe este valor ? Seguramente todas as citadas e outras moitas.
En setembro do 2022 unha publicación do Ministerio da Transición Ecológica ( Evaluación de la calidad del aire en España. Año 2021) daba medias anuais de partículas finas PM2,5 en 31 estacións e máis da terceira parte destas estacións tiñan valores elevados : Granada e Castellón alcanzaban 15 ug/m3; Palma de Mallorca 14 ug/m3; A Coruña e Alicante 13 ug/m3; Pamplona e Córdoba 12 ug/m3; Valencia , Madrid, Bilbao e Barcelona 11 ug/m3... si ben os valores están dentro da lexislación non o están dentro das Directrices e valores da OMS ( 5 ug/m3 )
Galiza. Tamén aquí facemos caso omiso a OMS.
Ano 2022.
De 25 estacións de medida de Partículas finas, PM2,5 -con valores medios anuais- repartidas por Galiza, tan só unha estación presenta valores inferiores a 5 microgramos/m3 (ug/m3), dezanove estacións teñen valores comprendidos entre 5 e 10 ug/m3 e cinco estacións teñen valores que superan os 10 ug/m3. Estas últimas corresponden a Vigo-Coia 17 ug/m3, Vigo-Este1 11ug/m3, A Coruña-Torre Hércules 16 ug/m3, Ourense-G.Franqueira 11 ug/m3 e Lugo-Fingoi 11ug/m3. Si ben ningunha estación supera a Lexislación vixente que está en 25-20 ug/m3 (FaseII 20 ug/m3 data de cumprimento desde 2020), algunha estación da área metropolitana de Vigo e de A Coruña achéganse a ese valor máximo, pero case todas están por riba do recomendado pola OMS.
Ano 2023.
Os datos de Meteogalicia (Xunta de Galicia) indícanos que a situación sigue igual que no 2022 ou incluso mensualmente chega a agravarse en particular na Area Metropolitana de Vigo e de A Coruña , asi en valores medios mensuais temos : -Xaneiro : Vigo-Coia 17 ug/m3, e A Coruña-Torre de Hércules 17 ug/m3. -Febreiro, destaca Vigo-Este1 23 ug/m3, Vigo-Coia 21 ug/m3, A Coruña-T. Hércules 24 ug/m3, Lugo-Fingoi 19 ug/m3, A Coruña-Riazor 17 ug/m3... -Marzo : A Coruña-T. Hércules 21 ug/m3, Vigo Coia 16 ug/m3. -Abril : A Coruña-T. Hércules 15 ug/m3, Vigo-Coia 13 ug/m3.- Maio : A Coruña-T. Hércules 14 ug/m3, Vigo-Coia 12, Arteixo c. Cívico 12 ug/m3, Cee 11 ug/m3. Moi lonxe das recomendacións OMS.
Conclusión
A contaminación global,puntual e aguda pode ser preocupante pero non é duradeira. A contaminación próxima (local, autonómica...), é permanente e volvese crónica, pode ser puntualmente aguda e supera valores de seguridade sanitaria como os recomendados pola OMS, require a nosa maior atención e lexislación adecuada. A OMS estableceu novas Directrices mundiais sobre calidade do aire xa no 2021, consideraba que “existen probas claras do dano que a contaminación do aire ocasiona a saúde humana, en concentracións aínda máis baixas do que se supoñía ate agora”. A OMS axustou a baixa case todos os niveis de referencia da calidade do aire e advertiu que a superación dos novos niveis asociase con riscos graves para a saúde, pero sorprendentemente nada se alterou na Lexislación vixente. Será moito pedir unha pequena preocupación dos políticos para lexislar de acordo coas Directrices da OMS, pola nosa saúde e o medio ambiente?