Publicado el 25 de abril a las 19:50
No ano 2020 a Comisión Europea presentou ao Parlamento a Estratexia sobre Biodiversidade da Unión Europea para o 2030, que contempla a protección de polo menos o 30% da superficie mariña, e ademais unha protección estrita do 10%. A Comisión xustifícaa porque “aportará beneficios sanitarios, sociais e económicos para as comunidades costeiras e a UE no seu conxunto”.
Xa antes no 2008 na UE aprobaran a Directiva Marco sobre Estratexia Marina (DMEM) que busca protexer e conservar o medio mariño e a maiores está a revisión da Política Pesqueira Común (PPC) que xa no 2014 tiña como obxectivo a sostenibilidade da pesca desde o punto de vista ambiental, económico e social. Pero hoxe preguntámonos : Interaccionará a eólica mariña con estes presupostos de protección?.
Como os Estados membros da UE son os responsables de designar os espazos protexidos adicionais e os espazos estritamente protexidos, en decembro do 2022 o Ministerio para a Transición ecolóxica saca o Real Decreto 1057/2022 polo que se aproba o Plan Estratéxico Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade a 2030. Na actualidade só está protexido o 12% de superficie mariña, para o 2024 o Goberno espera ter o 18% no camiño para chegar ao 30% no 2030. Pero o Ministerio non determinou, nin fixou, nin delimitou novas áreas mariñas concretas con criterios científicos, pesqueiros, económicos, sociais, medioambientais.... Coñecemos os proxectos de protección concretos a altura do 2023 ?. Como podemos pasar en 7 anos do 12% protexido ao 30%?. Como consensuar esta protección co sector pesqueiro e marisqueiro, cos grupos de defensa ecolóxica, co sector do transporte marítimo, coa navegación de recreo e turismo, coa actividade portuaria... e agora co sector industrial relacionado coa eólica mariña flotante?
Mentres as directivas e normas europeas quedan aparcadas temporalmente nos despachos, promotores e industria eléctrica van dando pasos seguros, pasos para garantir a instalación dos seus parques eólicos flotantes con localizacións que poderían dirixirse claramente a liña de flotación da protección mariña e van garantir e asegurar que a sua zona non se toque no futuro. Medida intelixente (intencionada ou buscada, pero permitida) para apuntarse feitos consumados antes de fixar áreas novas de protección mariña.
Todo indica que as multinacionais da electricidade deciden e o Goberno manda. As empresas buscan as zonas máis idóneas para o seu asentamento, o mellor vento próximo a costa con forza de 8 ou 9 m/sg; bos portos desde onde operar; territorios preparados para recibir, transformar e transportar a electricidade ... O Ministerio para a Transición Ecolóxica manda, como se pode comprobar co Real Decreto 150/2023 (febreiro do 2023) polo que aprobaron o Plan de Ordenación de Espacios Marítimos, POEM, das cinco demarcacións mariñas españolas, fixando como obxectivo e finalidade “a sostenibilidade”: fomentar o crecemento sostible das economías marítimas, o desenvolvemento sostible dos espazos mariños e o aproveitamento sostible dos recursos mariños. Determina 19 polígonos para parques flotantes no mar e nun espazo de ocupación de 5.000 Km2 . Ningunha empresa eléctrica protestou pola escolla que fixo o Goberno, será que lle veu como anelo ao dedo ?
A eólica e a pesca.
A posible interacción dos parques eólicos flotantes cos recursos mariños e a actividade ligada a eles e a razón de que o POEM fora amplamente contestado na Galiza e en Asturias e solicitada a sua retirada especialmente desde o sector pesqueiro ao considerar que os parques interaccionan sobre caladoiros ricos en pesca e repercute negativamente na actividade da flota pesqueira de arrastre de fondo, Macenlle e palangre. Unha vez máis o Goberno fai caso omiso ao Parlamento Europeo que no 2021 ditou unha resolución na que se pedía encargar estudios sobre o impacto/ incidencia dos aeroxeradores sobre a pesca e os recurso mariño e que non se implantase mentres non se tivesen estes datos . Onde están estes estudos? Que razón existe para negar a posibilidade de facer un plan piloto con un parque pequeno como fixeron en Portugal (3 turbinas eólicas de 8,4 MW) para ver os efectos e repercusións? .
Convén lembrar que en pesca extractiva, no ano 2017, España era o primeiro país da UE en volume e valor de capturas con algo máis de 908.000 toneladas e o primeiro Estado por volume de exportación de produtos pesqueiros co 19,2% do total da UE (ano 2018). A flota española é a mais importante da UE en capacidade e representa o 21,5% do total e dá emprego, estimado, a 34.326 traballadores só a bordo dos buques (datos 2017). Pero os grandes números a respecto do volume, exportación, capacidade e empregos da flota de España son en realidade maioritariamente da flota galega, xa que o Porto de Vigo, principal porto pesqueiro de España e un dos grandes de Europa afirma que no sector pesqueiro emprega da orde de 25.000 persoas. A produción pesqueira diminuíu en Europa nos últimos anos e cubre xa a demanda de produtos mariños con importacións. Poden os recursos alimentarios do mar substituírse por recursos enerxéticos ?
A principal zona que asigna o Goberno para eólica é a zona Noratlántica (Galiza, Asturias, Cantabria e Pais Vasco) onde reserva máis da metade da superficie dos parques, 2.688,61 km2 , correspondendo a Galiza a maior parte xa que un dos cinco polígonos galegos o NOR-2 localizado fronte A Coruña-Cabo Ortegal ocupa o 40% de toda a superficie para eólica mariña que se quere implantar no Estado. Este Plan pode chegar a ser incompatible cos presupostos de protección arriba enunciados e mesmo pode impedir que áreas idóneas ou aconsellables para protección mariña xa non podan fixarse si antes se instalan parques eólicos.
Macroproxectos eólicos para Galiza
Días pasados “Iberblue Wind” consorcio de empresas de propiedade irlandesa e española presentou un proxecto a desenvolver de 2000 MW de eólica mariña flotante fronte as costas galegas do Baixo Miño e Portugal . O parque previsto na Galiza sería na área denominada NOR-1, distante de terra entre 20 e 35 km e ocuparía unha superficie de 117 km2 fronte a Oia e a Guarda. Constaría de 522 MW en 29 aeroxeradores de 18 MW cada un e podería aportar electricidade a 335.000 fogares. Ademais a empresa mencionada pretende un parque transfronterizo Galiza-Portugal de 80 turbinas e ocuparía 413 km2 con 1.440 MW, daría segundo IberBlue Wind 150 postos de traballo na fase comercial .
Non é o único proxecto, a empresa Parque eólico mariño Nordés ( BlueFloat e Sener) proxectan e presentaron no 2022 un macroparque de 1,2 Gigavatios (Gw) en NOR-2 ocupando 268 km2 diante da costa Ártabra e fronte a Coruña cunha produción prevista de 4.800 Gwh anuais que xeraría o 30% do consumo eléctrico de Galiza, pero non podemos ocultar que hoxe xa exportamos entre o 30-40% da produción polo que tería que ir destinado aos mercados de Madrid, Pais Vasco ou mesmo para fora da Península.
Outras empresas como Iberdrola teñen proxectos de case 1.000 MW ( parques San Brandan e San Cibrao a 15 km da costa de Cervo en Lugo) ; Capital Energy (parque Volanteira 510 MW), Ferrovial (Celta I e Celta II 495 MW) , Abei Energy ( Ventus 600 MW en NOR-1), Grupo Cobra (Galdwind 1000MW) ... e antes de inicio deste ano a avalancha de proxectos (9) xa superaban 6 GW de potencia duplicando o obxectivo máximo do Goberno para toda España, pois o POEM tiña previsto de 1 a 3 GW para o 2030.
Conclusión
Galiza non se tivo en conta nas decisións sobre os Plans de Ordenación de Espazos Marítimos para a eólica cando o mar da costa galega é inmellorábel para as eléctricas. Ademais o racional sería que antes de pensar en polígonos de asentamento de parques flotantes estivesen xa fixadas as novas zonas de protección do 30% que esixe a UE, ou polo menos deseñadas para garantir que os eólicos non interfiran con elas. Sería imprescindíbel partir de cero con dialogo, transparencia e consenso cos sectores que se ven afectados, e en particular co sector pesqueiro que se ve prexudicado economicamente e que demanda un plan de estudo sobre as consecuencias da instalación e mesmo o afastamento dos parques dos seus caladoiros (aínda que as eléctricas teñan que perder un mínimo de enerxía).
Para a pesca non serve recibir compensacións, unicamente queda afastar dos caladoiros e da costa os parques eólicos mariños para minimizar ou anular impactos recoñecibles. Galiza tería tamén que saber os beneficios concretos que traen e poñen enriba da mesa as multinacionais, porque Eólica si, pero non a calquera prezo.