Publicado el 22 de enero a las 14:19
O Estado español precisa importar anualmente máis de 14 millóns de toneladas de cereais para consumo humano e para pensos e concentrados de animais (producimos 4 millóns de toneladas de millo grao e importamos 9 millóns). Na agricultura perdemos superficie cultivada e somos un dos maiores importadores de cereais da Unión Europea.
Pero no forestal non é o mesmo, a superficie arborada vai en aumento, no ano 2000 era un 25% superior a existente en 1900. Segundo datos do Banco Mundial, España ganou un 33,6% de superficie forestal desde 1990 ao 2016, pasou dun 27,65% de superficie cuberto por arbores ao 36,9% no 2016, e na actualidade xa estamos no 38,10% . A especialización no Norte da Península – non por vontade propia- en plantacións con especies alleas procedentes de Australia (Eucaliptos glóbulus) e de California en Estados Unidos (Pinus insignis) fan que hoxe exportemos a Unión Europea celulosa e papel. O productivismo forestal primou sobre calquera outro criterio .
Esta situación que se foi agravando desde os anos 60, acentuouse coa entrada no Mercado Común e a Política Agraria Común (PAC) que implementou un maior abandono de terras agrícolas e unha acelerada repoboación forestal con ritmo medio de 80.000 hectáreas/ano na década dos 60-70. Repoboacións con especies de crecemento rápido -que en moitos casos chegan a substituír a vexetación autóctona- e que sirven para abastecer de madeira de baixa calidade á industria da celulosa e as fábricas de papel de centro Europa.
Para conseguir tal situación a PAC centrouse en incentivos -a través de prezos- e subvencións que conducen ao abandono de explotacións e así só quedan as mais produtivas en activo. Esta situación fai que en España se abandonen terras, de maneira que dende 1986 ao 2000 retiranse do cultivo máis de 2 millóns de hectáreas. O Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) destinou 5.400 millóns de euros entre o 2007-2013, a cofinanciar medidas específicas principalmente para forestación así como para creación de novas zonas arboradas e para inversións en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais. O mesmo sucedeu no período 2015-2020 onde programaron un gasto publico de 8.200 millóns de euros .
A política forestal ten que deseñarse non so a curto prazo senón tamén a medio e longo, tendo en conta sempre a realidade –clima, topografía, edafoloxía, xeoloxía...- e por enriba de todo partindo de especies próprias.
A situación na Galiza.
Esta realidade ten o seu reflexo na Galiza, somos hoxe deficitarios en cereais e leguminosas grao para alimentar ao gando, antes nos anos 60 eramos autosuficientes e tiñamos unha cabana gandeira superior a actual, hoxe precisamos importar alimentos de Ucrania, Brasil, Arxentina... Dende o ano 1982 ao 2016 perdemos 114.000 ha de cultivo de millo e deuse prioridade ao millo forraxeiro fronte ao millo grao, cando antes era a inversa. Dende a entrada de España no Mercado Común Europeo no 1986 ate finais da década pasada, transfórmanse na Galiza polo menos 265.000 ha de superficie agraria útil para outros destinos principalmente forestal, no 2020 xa contabamos con 1.454.298 ha arboradas.
No ano 1984, segundo o Anuario de Estadística Agraria da Xunta, a produción de madeira de crecemento rápido piñeiros e eucaliptos era de 2,72 millóns de metros cúbicos (m3). No ano 2017 cortábanse máis de 8 millóns de m3 destas especies e no ano 2021 chegabamos a un total de 10,18 millóns de m3 de madeira cortada, deles eran eucaliptos 5,6 millóns m3 e piñeiros 4,02 millóns, as especies propias de frondosas caducifolias -carballos, castiñeiros, ameneiros...- significaban ben pouco. Polo que Galiza é unha potencia forestal con especies alleas cando podía estar producindo madeira de calidade, hoxe aporta máis da metade da madeira que se corta no Estado que alcanza 16- 18 millóns de m3/ano.
Mentres a superficie que ocupaba o eucalipto no inventario do 1986 era de 38.512 ha en masas puras e preto de 200.000 ha mesturadas con piñeiros e autóctonas, na actualidade superamos 400.000 has de eucaliptos en masas puras e un total de 600.000 ha entre masas puras e mistas e sigue avanzando a extensión dos eucaliptos ocupando terras de pradeiras, pasto, monte baixo e miles de hectáreas de cultivo. Claro que esta política ten consecuencias con impactos notables como sucede cos incendios -que requiren gastar anualmente 200 millóns de euros/ano-, por non citar a notable perda de biodiversidade, alteración de habitas, perda da paisaxe, problemas no solo e acuíferos...
No caso galego, para esta política forestal non so se recibiron e reciben axudas de Europa senón do Estado, da Xunta e mesmo das Deputacións, desde o principio os organismos públicos volcaronse ou dirixiron o proceso de repoboación forestal que copiou e aproveitou máis tarde a iniciativa privada. A política forestal non trouxo para Galiza unha industria de segunda transformación da madeira, proba disto e que necesitamos exportar o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e chapas e o 96-98% da pasta de celulosa que se fabrica na contaminante celulosa de Pontevedra, aparte tampouco podemos aproveitar o 10% da madeira que se tala. Onde están as industrias transformadoras que pechen ciclos no pais ?
Conclusión
A política forestal ten que deseñarse non so a curto prazo senón tamén a medio e longo, tendo en conta sempre a realidade –clima, topografía, edafoloxía, xeoloxía...- e por enriba de todo partindo de especies próprias. A política forestal debe estar integrada dentro dunha política agro-gandeira-forestal e pechar ciclos no territorio.