Publicado el 28 de diciembre a las 17:28
No ano 2021 a enerxía eólica na Península xerou 59.205 xigawatios/hora (Gwh) que é practicamente a metade de toda a xeración peninsular en enerxía renovable (hidroeléctrica, solar, eólica, biomasa, residuos...). Galiza aportou 9.560 Gwh eólicos que representan o 16,1% do total peninsular, o que indica a calidade e importancia do parque eólico galego que conta cunha potencia eléctrica instalada que representa o 10% da potencia eólica Peninsular, e tan só superada por Andalucía, Cataluña e Castela-León.
Pero Galiza con moita potencia eléctrica instalada e alta produción tanto en renovable como non renovable e cunha gran diversificación das fontes produtivas (hidráulica, eólica, carbón, ciclo combinado, coxeración...), só puido consumir 17.510 Gwh, cando xerabamos por todas as fontes 24.212 Gwh (9,3% do total do Estado). Nin as grandes empresas electrointensivas (Alumina-Aluminio, Ferroatlántica...) nin a industria en xeral, nin os fogares, transportes, servizos... impediron que nos visemos obrigados a exportar 6.304 Gwh, máis da cuarta parte da enerxía que xeramos, situación similar ao que ven sucedendo nos últimos 50 anos, chegando a exportación en moitos anos, a máis da terceira parte da produción.
A xeración eléctrica non é inocua, ten custos sociais, económicos, ecolóxicos, paisaxísticos, de contaminación...custos e impactos que non padecen aqueles territorios que reciben a electricidade que nós enviamos ( Madrid so aportou o 0,4% da xeración renovable sobre o total no 2021, Pais Vasco aporta o 0,9%, Cantabria 0,3%... ). Ao mesmo tempo os beneficios que quedan aquí son insignificantes, nin tan sequera temos unha tarifa eléctrica discriminada que beneficie aos cidadáns de territorios produtores.
A enerxía eólica terrestre.
Poucos países no mundo poden presumir como Galiza de que o 39,5% da produción eléctrica teña orixe eólico e case o 55% do noso consumo teña esta procedencia (ano 2021). As empresas eléctricas queren no futuro máis parques eólicos na Galiza mentres desmantelan e levan a industria eólica aquí asentada a outros lugares. Pero a nós interésanos máis a industria, polos postos de traballo e riqueza que xeran, que os parques eólicos que ademáis tampouco son inocuos, vexamos.
As serras e os montes galegos ínzanse de parques (161) que alteran a paisaxe, e necesitan aeroxeradores, liñas subterráneas, transformadores, liñas aéreas de alta tensión que conlevan servidumes de paso, novas pistas forestais ... Os parques poñen en perigo non só a flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba en zonas protexidas de Rede Natura e as Áreas de Desenvolvemento Eólico,ADE, ocupan 107.000 hectáreas das 346.996 desta Rede. Á parte destrúen xacementos arqueolóxicos e asentamentos fortificados da idade de ferro. Por si fora pouco algúns parques están moi próximos a lugares habitados, lagoas catalogadas, fervenzas...
Algunha empresa atrévese a iniciar obras sin completar documentación, sen lle importarl a destrución da natureza, de camiños reais, mámoas... insisten en instalarse sempre co aval da Xunta e logo ante as denuncias presentadas ten que paralizar as obras o Tribunal Superior de Xustiza -sucedeu en Samos e nos parques Bustelo, Campelo, Corme -. ... O Goberno galego é cómplice silencioso das eléctricas, permite tal situación pero chegado o caso xustifícao abertamente, posiblemente espera que no futuro os Consellos de Administración das eléctricas o teñan en conta e coloquen a ex altos cargos benefactores.
A nivel económico, as eléctricas Naturgy, Iberdrola, Endesa, Greenalia... intentan formalizar contratos eólicos pouco menos que insultantes para os propietarios das terras, asínanse contratos por terras ocupadas que representan o 0,65% da facturación eléctrica estimada e no mellor dos casos nunca sobrepasan o 2,5%. Hai tres anos, un parque que ía funcionar 25-30 anos, recuperaba a sua inversión en 9 anos, na actualidade, cos prezos actuais da electricidade, a recuperación sucede en 4 ou 5 anos, empresas que inverten 40 millóns nun parque de 49 MW teñen unha facturación anual hoxe similar ou superior a inversión.
Os parques eólicos non teñen apenas beneficios económicos para os veciños e as localidades onde se asenta, dan poucos postos de traballo no país, deixando pola contra os grandes beneficios fora de Galiza en Madrid, Bilbao ou Barcelona, quedando aquí verdadeiros problemas ecolóxicos, xeomorfolóxicos, molestias e impactos varios que obrigaron recentemente a saír a rúa a protestar a miles de veciños que demandan : “Eólica Si, pero non así”.
Galiza que xa traballa para a eólica mariña doutros países grazas a industria naval e de compoñentes pode ter un papel destacado neste desenvolvemento eólico
A eólica mariña
O futuro da eólica todo indica que estará no mar. Galiza, ten unha plataforma continental estreita. Nas rías e no litoral e próximos a costa é acertado prohibir parques de eólica de mariña fixa, pois o seu emprazamento en profundidades inferiores a 50-60 m, interferirían coa pesca, marisqueo, navegación de recreo e comercial e causarían un gran impacto ecolóxico na biodiversidade e zonas protexidas, aparte de impacto visual, ruído e na paisaxe...
Pero a eólica mariña flotante con infraestruturas en alta mar ou lonxe da costa a 30 ou 45 km e a profundidades de 200-300m ou maiores, parece ofrecer varias vantaxes con respecto a eólica terrestre e mesmo a eólica fixa, alí os ventos son máis constantes que os terrestres, máis rápidos e seguros, polo tanto traen maior rendemento enerxético e maior produción eléctrica. O impacto visual e o ruído serían inferiores ou non se notarían e os muíños non se distinguirían desde terra. Pero a eólica mariña flotante presenta potencialmente algún problema, ten cimentacións flotantes con muíños estabilizados mediante sistemas de lastre e anclados ao fondo mariño a través de liñas de amarre e a sua vez deles parten liñas eléctricas que van ate o fondo e pousadas ou enterradas levan a electricidade a terra.
Galiza que xa traballa para a eólica mariña doutros países grazas a industria naval e de compoñentes pode ter un papel destacado neste desenvolvemento eólico (plataformas, sistemas de amarre, tendido de cables, palas, góndolas, mantemento...) os parques de flotante servirían para empurrar ao sector naval de Ferrol e Vigo e a industrias que temos en crise. Pero isto non quere dicir que teñamos que aturar aquí nove proxectos de eólica mariña hoxe anunciados con 5.835 MW, cando xa exportamos electricidade e o Estado só contempla de 1.000 MW a 3.000 MW de flotante para o 2030, o que indica que existen moitos máis proxectos en tramitación que os necesarios. Mentres, zonas con moi amplo déficit eléctrico como o Pais Vasco so teñen un proxecto anunciado de 45 MW e Cantabria e Comunidade Valenciana importadoras netas de electricidade tampouco teñen proxectos nin de eólica flotante nin fixa e o mesmo sucede noutras áreas do Mediterráneo ou Atlántico. O despropósito eólico terrestre parece querer ter continuidade na eólica flotante e mira a Galiza como foco central .
Cabe esperar que o Goberno copie doutros países (USA, Países Baixos) a parte positiva económica da eólica. Sacan a poxa o arrendamento, por 30 anos, do espazo mariño que ocupan os parques e cos centos de millóns recollidos do mellor ofertante da poxa activan a economía local e global, mesmo contemplan que se indemnice aos afectados (no caso de Portugal xa o fixeron aos pescadores) e incluso deberíase ter en conta a participación do sector público nos beneficios (tamén na propiedade) para que non suceda como na eólica terrestre que os únicos beneficiados economicamente son as multinacionais.
Hoxe precísase unha Ordenación do territorio mariño que non estea influida ou determinada polas empresas eléctricas e/ou clústers empresariais. Necesitase resolver problemas dos parques en si e outros anexos como o trazado de liñas polo fondo mariño, as servidumes, a localización de subestacións eléctricas no mar e en terra... e requírese dialogo e consulta as comunidades locais directamente implicadas, pescadores, grupos sociais, de defensa ecolóxica...é sempre para evitar perdas no transporte electrico debe tratarse de poñer os parques o máis preto das comunidades deficitarias en electricidade e dos grandes centros de consumo.
Por último non debemos esquecer que Galiza exporta electricidade e non pode seguir instalando sin límite e a calquera prezo sistema de produción eléctrica (eólica mariña, hidróxeno, bombeo... ) que unicamente sirve a intereses multinacionais e non redunda en maior emprego, nin maior beneficio económico, nin mellor nivel de vida, mentres deixa custos sociais (contaminación, degradación...) que pagamos todos aquí. Na actualidade só falamos de producir e producir e xa non se fala do despilfarro e do aforro enerxético (na industria electrointensiva, na industria en xeral, no modelo de transporte, no consumo, nos fogares...). E por si fora pouco temos infravalorada en Galiza a enerxía solar e sen desenvolver novas alternativas : enerxía das mareas, das olas, das correntes mariñas, da subida de augas profundas ...
Volveremos a ver os mesmo erros que na eólica terrestre?. Ignorarán os caladoiros de pesca, as zonas protexidas, as áreas ricas en diversidade biolóxica, as rutas e áreas de transito de aves e mamíferos ... ? . ¿Como se poden diseñar parques flotantes como Nordés que ocuparía 268 Km2 (525MW e 35 muiños de 261 m de alto na primeira fase e 635 MW e 45 muiños na segunda) , na costa de A Coruña, en zonas de gran valor ecolóxico, adxacentes a tres zonas ZEPA -zona de especial proteccion para aves, recorrida por máis de un millón de aves migratorias cada ano- e con decenas de caladeiros de pesca?.
Na eólica mariña flotante quedan problemas aínda por solucionar, pero xa queda pouco tempo, a moratoria pronto remata eo 2023 será un ano clave.